Nace o Cartafol Literario

     Grazas a xenerosidade, bo facer e valentía de Maite e Noelia nace unha nova sección en LibreAndo: Cartafol Literario. Neste apartado do blog iremos subindo, aos poucos, textos en prosa e poemas; grandes xoias que os artistas que nos arrodean estean dispostos a deixar voar compartíndoos con nós.

     Animádevos a ler, escribir, ler, escribir.... ler, escribir!! Que a bóla de neve vaia medrando e, con ela, a nosa sensibilidade e nós como persoas!


Cantigas

Eu tamén escribo
Dende muller que son
Falo de cousas da vida
De xeitos do corazón.

O mencer do primeiro día
Ese que berra aloucado
Cando non estás ó meu lado
E te espetas por alí
Ese que morre de tremura
Ese que espalla as dores do pensamento
Cando non teño contento,
Esperando os bicos da boca túa.
E o meu peito se alouca
De pensar que alguén te está a perder
Mentres o teu corpo enteiro
Rula polos axeitados cobizos
Dunha muller extranxeira.
E sen dúbida, dubidosa seica
Que vaite falando de amores
de caricias e de peitos cheos.




¡¡Non tolees meu amor!!
As mulleres falangueiras
sonche serpes no camiño
Para engadir ao teu lombo
as esencias do maligno
que se engana, que alouca,
que converte a ledicia dun intre,
en morte permanente de tristura,
Aínda que pareza felicidade profunda,
Non é máis que un mentireiro plan
de aproveitar ese cartos
que alumeas diante dela sen vergoña
En tanto eu na túa alcoba
Estou a suspirar por verte
E oires da túa boca
Esas verbas agarimosas
Que otronte me dicías
Quixente tanto... pombiña
Miña rula, meu amor
Que ti has de ser para mín
A lúa chea, a mar, a calor.



Maite Vázquez Estévez



Viaxe ás orixes de Zambece

     Volvín a cidade cos pés curtidos e co penacho de fentos. Cando reparaba nel presidindo a repisa do meu despacho lembrábao con claridade sobre a testa de Zalima. Baixo aquel mato verde agochábase a súa ollada ateigada de vida.

     Camiñaba cos pés espidos para diferenciar os latexos da nai natureza e adiantarse ao paso ameazante do home branco. Zalima fora elixido polos espíritos da tribo para ser o Chamán. Aquel home robusto e de pequena estatura admiraba aos seus devanceiros, eles axudábanlle a descifrar as mensaxes do ceo e comprender a linguaxe secreta da terra.  Baixo o espazo Austral, nun claro ao Sur de Zambece, toda a comunidade convivía mesturada. Para eles o ben máis prezado era a vida e os cativos nutríanse co zume dos vellos.

   Zalima cría que os zapatos facían dos homes “seres tristes”.

     “Voades como paxaros migratorios”, díxome.

     E engadiu, “nadades coma peixes, pero non sabedes camiñar como homes libres”.

     Logo de escoitalo e recoñecer a súa verdade espinos. 

     Ao escrutar a carne branda e se cor, aseguroume con tristura que “tiña a sabedoría dun neno”. Nese mesmo intre tamén culpou ás miñas gafas de sol de “afastarme da luz”. Quiteinas e o Chamán recuou un pouco. Segundo el, eu posuía “o corazón dun vello”. Sen máis, como agasallo de benvida, pousou a súa coroa vexetal sobre a miña cabeza. Eu trataba de ser aceptado no seu clan, sen saber que xa o fora dende o primeiro intre.

Noelia Paz Currás

Ningún comentario :

Publicar un comentario