Nestes días nos que o noso benquerido inspector Caldas está
de anovada actualidade e especialmente pensando
en todos aqueles que empezan a desesperar ante a tardanza da mil e unha veces
anunciada terceira entrega das súas andainas, traio unha recomendación a este
foro: Blues da Ría, do xornalista e cinéfilo J. A. Xesteira.
No libro ides atoparvos cun Detective sen nome propio mais
con maiúsculas –toda unha declaración de intencións por parte do autor–, e cunhas cidade e ría de
Vigo, San Francisco e a súa baía na mente do protagonista, como hábitat no que se
desenvolven persoas ambiciosas e sen escrúpulos.
O libro foi publicado no ano 2001 –cinco anos antes de que
Domingo Villar publicara Ollos de auga presentándonos ao seu inspector– pola
editorial Xerais na súa colección Fóra de Xogo; colección que, en verbas de M.
Bragado, está “dacabalo entre a edición infantil e adulta”. Un libro, pois, co
que gozarán os sagaces estudantes de secundaria pero tamén, podedes estar ben
seguros, os que coma min xa nin se molestan en pintas as canas.
Tempo é, ademais, de valorar o propio; as marabillas que
temos preto de nós.
|
Ningún comentario :
Publicar un comentario